domingo, agosto 13, 2006

OUTRA POLÍTICA AMBIENTAL É POSÍBEL EN GALIZA


Voltamos a publicar este manifesto xa asumido por Idega no seu dia, e de triste actualidade.

OUTRA POLÍTICA AMBIENTAL É POSÍBEL EN GALIZA Un repaso á situación ambiental de Galiza a través da prensa nos últimos meses mostra un panorama tranquilizador. A conciencia ambiental dos galegos medrou, os turistas valoran de forma prioritaria o noso patrimonio natural e os efectos de catástrofes pasadas case desapareceron. Porén, os que hoxe asinamos este texto –e sen dúbida moitos outros cidadáns- somos conscientes de que o mapa ambiental de Galiza é un catálogo de actuacións desastrosas debuxado á custa do noso patrimonio natural.

Nos últimos tempos a paisaxe galega ten sufrido unha crecente e tolerada destrución. A eliminación dos seus elementos tradicionais – o entramado parcelario, a rede ancestral de camiños, as sebes e os muros- e o absoluto desprezo da arquitectura, unidos á desaparición dos nosos bosques autóctonos e á proliferación de plantacións converteron o noso territorio nun desastre.

Os solos non merecen ningunha atención e o seu uso inadecuado prívanos dun recurso vital. Ríos e regatos son considerados unicamente desde unha perspectiva mercantilista. Mentres, a política de augas continentais limítase ao encoramento e á construción de minicentrais, de xeito que se arrasan non só os cauces senón tamén as ribeiras e formas de modelado que xeran, como por exemplo rápidos e fervenzas.

No litoral a situación non é diferente; as áreas costeiras vense como terreos urbanizábeis onde proliferan paseos marítimos, estacionamentos, portos deportivos e piscifactorías. Comunidades biolóxicas mariñas son sepultadas por innumerábeis recheos que alteran a dinámica das augas modificando as correntes, ao tempo que a contaminación no mar increméntase exponencialmente como consecuencia do vertido de todo tipo de residuos.

Como alternativa preséntasenos unha política de conservación da natureza puramente propagandística. Pero o máis grave é que para iso vulnérase reiteradamente o marco xurídico vixente (véxanse por exemplo as actuacións nos "Espazos en réximen de protección xeral") ou utilízanse como respaldo órganos de control ambiental absolutamente dependentes da administración, como a Comisión Galega de Medio Ambiente.

Por non falarmos da invocación de estudos de impacto ambiental, de obxectividade cuestionábel e carácter puntual, que ignoran o efecto multiplicativo do conxunto de actuacións que se realizan nun territorio. Exemplos significativos son os casos relacionados con parques eólicos, recheos marítimos ou aproveitamentos hidroeléctricos dos nosos ríos.

Fronte a esta realidade, nós pensamos que Galiza pode e debe ser pensada no seu conxunto. Que desde unha perspectiva de ordenamento integral do territorio, é imprescindíbel unha actuación sobre a totalidade da nosa comunidade autónoma, que ordene a actividade urbanística e a política de industrialización e dotación de servizos, á vez que defina uns criterios para a correcta protección do medio natural. Unha actuación que, desde o profundo coñecemento de cada caso, declare áreas protexidas que garantan a defensa do noso patrimonio ecolóxico e proporcione un adecuado aproveitamento dos recursos.

Cando comezamos un nacente tempo histórico, a era da revolución dixital, o deseño dunha política ambiental ligada ás peculiaridades da nosa paisaxe e ás novas circunstancias tecnolóxicas e culturais é un obxectivo imprescindíbel.

Desde campos de especialización diferentes partillamos o diagnóstico pesimista da situación ambiental de Galiza. En contra da tendencia actual, compartimos tamén a idea de que a nosa obriga como cidadáns e científicos é darmos a coñecer a nosa posición. Máis alá da propaganda, cremos que é un bo intre para lembrar que a política ambiental debe converterse nunha prioridade impregnando todas e cada unha das accións de goberno. Mais, de forma especial, queremos lembrar que outra política ambiental é posíbel; o futuro de Galiza depende en boa medida diso.

Pedro De Llano. Catedrático de teoría e representación da Arquitectura da UdC. Eduardo García-Rodeja. Catedrático de Edafoloxía da USC.Javier Guitián. Catedrático de Botánica da USC.Augusto Pérez-Alberti. Catedrático de Xeografía da USC. Victoriano Urgorri. Catedrático de Zooloxía Mariña da USC.